Monday 06 de May de 2024

O Concello de Boqueixón abre as inscricións para as súas Escolas Culturais e Deportivas


O prazo de formalización de solicitudes rematará o 21 de setembro

O Concello de Boqueixón ten xa aberto o prazo de inscrición para as súas Escolas Culturais e Deportivas. Ofértanse unha ducia de propostas dirixidas tanto ao público infantil coma a adultos. Teatro, Pintura, Inglés, Patinaxe, Judo e Xadrez conforman a oferta de actividades do Concello de Boqueixón.

Estas compleméntanse coas sesións da Ocioteca e de Apoio Educativo. Este último é un programa que está dirixido a alumnado de Educación Infantil e Primaria cun rendemento escolar insuficiente e insatisfactorio, que precisen recibir unha axuda pedagóxica extraordinaria co fin de reforzalos na adquisición e automatización de técnicas instrumentais de aprendizaxe como lectura, escritura e cálculo. As sesións desenvolveranse no CPIP Antonio Orza Couto e serán impartidas pola Ruth Gómez, mestra de Educación Especial e Doutora en Pedagoxía Terapéutica.

Unha das novidades deste curso é o programa Madrugadores. Trátase dun novo servizo de conciliación da vida laboral e familiar, dirixido a escolares de Educación Infantil e Primaria. As sesións desenvolveranse nas instalacións do CPIP Antonio Orza Couto. O custo e horario concretaranse segundo o número de solicitudes rexistradas.

Inscricións

As inscricións nas Escolas Culturais e Deportivas do Concello de Boqueixón deberán formalizarse antes do 21 de setembro no Departamento de Cultura (cultura@boqueixon.com). As fichas de inscrición pódense descargar na web municipal www.boqueixon.com.

Requírese un grupo mínimo de participantes para iniciar cada unha das actividades. Estas desenvolveranse entre os meses de outubro e xuño.

O custo das sesións varían entre os 10 euros mensuais, nos casos de Teatro, Patinaxe, Xadrez e Pintura (non inclúe o material); os 15 euros ao mes de Judo e a Ocioteca; os 25 € de Inglés I e do programa de Apoio Educativo, e os 40 euros mensuais de Inglés II (adultos).

Dende o Concello ofrécense distinto tipo de descontos para familias. Tamén se realizan rebaixas no prezo se unha mesma persoa se apunta nunha ou máis actividades das Escolas Culturais e Deportivas.